Durante o presente curso académico tivemos a sorte de poder compartir o noso traballo, Observacións sobre a felicidade (composición e manexo), con espectadores de Lugo, Ourense, CUVI (Vigo), Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, A Coruña, Granada e Covilha (Portugal), onde o xurado deste certame nos outorgou o seu premio ao mellor espectáculo. E, fundamentalmente, compartimos o esforzo e a ilusión desta proposta cos espectadores de Santiago de Compostela en diversos espazos; no Salón Teatro e, principalmente, na nosa casa, na casa de todas as persoas que fan, se interesan e gozan do teatro na USC: a sala de teatro Roberto Vidal Bolaño. Un pequeno espazo, íntimo, onde todo o mundo é ben recibido.
Este próximo xoves día 23 de febreiro faremos un pase aberto a público da nosa última peza, OBSERVACIÓNS SOBRE A FELICIDADE (COMPOSICIÓN e MANEXO). Terá lugar na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida), ás 21,30 horas.
O aforo é reducido. Podes vir retirar a túa entrada desde as 21,00 horas.
O próximo xoves 15 de decembro, ás 21,00h no Salón Teatro de Santiago de Compostela, estreamos a nova peza da Aula de Teatro da USC, “Observacións sobre a felicidade (composición e manexo”). A entrada é de balde (poden retirarse un máximo de 2 entradas por persoa).
Datas de presentación da actividade teatral para o curso académico 2022 – 2023 e convocatoria de matrícula para a Escola de Teatro.
Mércores 14 de setembro ás 19,00 horas na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida):
Encontro aberto con todas as persoas interesadas na actividade teatral para presentar o programa do presente curso académico e resolver calquera dúbida relativa á compañía de teatro da USC, da Escola de Teatro, do programa de apoio á creación de compañías de teatro independentes, etc.
Faremos tamén unha visita guiada ao edificio da sala de teatro
Luns 19, martes 20 e mércores 21 de setembro desde ás 18,00 horas na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida):
Probas de acceso á Escola de Teatro e á compañía de teatro da USC
Luns 26 de setembro:inicio de matrícula na Escola de Teatro
Luns 3 de outubro:inicio das aulas na Escola de Teatro
Hai uns días a nosa compañía de teatro regresou do Festival Internacional de Teatro Joven (FESTUM) celebrado en Murcia cos premios ao mellor espectáculo e á mellor interpretación feminina (ex aequo para Antía Antía González Cortegoso e Marta Casais) e estamos felices.
Acudimos co noso último traballo, A casa da forza (2, 52-88), de Angélica Liddell, e compartimos programa coas Escolas Superiores de Arte Dramática de Murcia, Córdoba, Málaga, Sevilla e Valencia, coas Aulas de Teatro das universidades de Murcia e Ourense, co Dance Theater Nu-Shamyook University (Corea), o Liberal Theater (Xordania) e coa Janácek Academy of Performings Arts (Rep. Checa). Foron días de grande aprendizaxe para todos. Mil grazas ao xurado, á ESAD de Murcia, á Aula de Teatro da UMU e a todas as compañeiras e compañeiros con quen convivimos estes días!