1º INTERPRETACIÓN. PROGRAMA

Módulo I (2022 –  outubro/decembro)

Conceptos básicos da interpretación teatral. Estar en escena.

MARTES MÉRCORES
19,00 – 20,00 Voz/Canto en escena
20,00 – 20,45 Voz/Canto en escena Interpretación
21,00 – 22,00 Interpretación Interpretación

Todos os martes e mércores, do 4 de outubro ao 14 de decembro

Presentación de proxectos: 15 de decembro

Módulo II (2023 – febreiro)

Ferramentas de traballo para a creación.

  LUNS MARTES MÉRCORES
18,30 – 19,00 Titorías
19,00 – 20,00 Interpretación Interpretación Movemento en escena
20,00 – 21,00 Interpretación Interpretación Movemento en escena
21,00 – 22,00 Interpretación Interpretación

Módulo III (2023 – marzo)

  LUNS MARTES MÉRCORES
18,30 – 19,00 Titorías
19,00 – 20,00 Interpretación Interpretación Movemento en escena
20,00 – 21,00 Interpretación Interpretación Movemento en escena
21,00 – 22,00 Interpretación Interpretación

Prácticas

A realizar entre o 27 de marzo e o 25 de abril. A tal efecto constituiranse os grupos de traballo segundo as necesidades horarias das/os alumnas/os. As prácticas poden realizarse en quenda de mañá ou tarde, de luns a domingo (mínimo 20 horas)

Presentación de proxectos: 26 e 27 de abril

Nota: Nos módulos II e III unifícanse as aulas coas/os alumnas/os de dirección, con quen se realizarán as prácticas.

IMPARTEN

Voz e Canto en escena:  Pablo Ferradás

Interpretación: Roi Méndez (módulo I), Roberto Salgueiro (módulo II) e Roberto Salgueiro / Rebeca Montero (módulo III)

Movemento en escena: Miguel Gendre

CONTIDOS  

A. MOVEMENTO EN ESCENA

O coñecemento do propio corpo e as súas posibilidades de movemento son aspectos fundamentais na formación do actor. O obxectivo deste curso é utilizar o movemento e a expresión corporal como ferramentas para a exploración e o coñecemento do corpo.

Estudaremos as calidades de movementos en base a criterios relacionados co espazo, o tempo e o ritmo, a textura, o peso, e a continuidade. Isto vainos permitir a comprensión das posibilidades de movemento e a súa utilidade para a creación escénica.

A relación co outro será un aspecto central do curso. Afondaremos na escoita á hora de moverse en consonancia con outros corpos, e aprenderemos a usar o espazo que nos rodea en relación ás distancias e á xente que o compón.

Bibliografía recomendada

Von Laban, R. (1987). El dominio del movimiento. Madrid: Editorial Fundamentos

Shinca, M. (2002). Expresión corporal. Técnica y expresión del movimiento(3ª ed.). Barcelona: Editorial Praxis.

B. INTERPRETACIÓN

Establecendo puntos de partida.

A  influencia da retórica durante os séculos XVII e XVIII na escasa formación do actor europeo incidiu de maneira fundamental nunha concepción logocentrista da interpretación: o actor, respondendo a uns ou outros códigos xestuais, estaba ao servizo dun texto que debía ser, fundamentalmente, enunciado. Este peso da palabra dita aínda é perceptible hoxe non só nunha praxe escénica abondo espallada senón na propia concepción que o público, en xeral, ten da arte do actor. Atrapado no texto, o corpo e o ánimo do intérprete padecen os límites que a palabra literaria impón, e por esta razón o actor debe recoñecer cales son as ferramentas básicas coas que conta para construír un personaxe. Así, a súa materialidade (corpo e voz, e necesariamente nesta orde) deben constituírse en punto de partida básico. E comprender o valor estético desa materialidade resulta unha necesidade principal. Por esa razón, non é obxectivo deste curso establecer un xeito de estar en escena, presentar unha única maneira (estética) de entender a interpretación teatral. Ao contrario, é a principal intención abrir as portas a un mundo amplo onde os traballos poidan ser construídos e exhibidos desde diferentes ángulos, recoñecendo que o punto de partida sempre é o mesmo: as incertezas e medos, as alegrías e ánimos, as emocións e o alento que se conteñen nun recipiente de carne e óso que a natureza lle outorgou a cada actriz e a cada actor, e que estes deben de coñecer para despois situalo en escena desde una perspectiva estética definida.

O rigor, a disciplina e a ética deste traballo conforman un xeito de entender a arte dramática que, en definitiva, vai modelar a creación que imos compartir co público. Non se trata de ser actor, senón de como ser actor. E nese como entran en xogo valores éticos e estéticos.

Bibliografía básica

Brook, P.  (1994). La puerta abierta. Reflexiones sobre la actuación y el teatro. Barcelona: Alba Editorial.

Féral, Josette (2001) Os camiños do actor. Vigo: Editorial Galaxia.

Knébel, Maria O.  (1991). Poética de la pedagogía teatral. México DF: Siglo XXI

C. VOZ e CANTO EN ESCENA

Ao longo da historia o ser humano sentiu a necesidade de expresarse a través da voz e do canto co fin de transmitir emocións, sentimentos, ideas e crenzas. A voz representa a ferramenta perfecta para dar forma acústica a todo aquilo que con só a palabra somos incapaces de comunicar. A voz forma parte esencial das relacións humanas e da comunicación, transmitindo unha mensaxe  por medio da fala e do canto e a través da emoción e a expresividade.

A produción da voz representa unha acción que implica a sinerxia de varios procesos físicos como a respiración, a fonación e a resonancia, que requiren dunha atención específica para ser eficientes.  A técnica vocal constitúe o mellor aliado para o usuario da voz falada e cantada para sacar o maior partido ás prestacións vocais, investindo o mínimo esforzo.

A voz é parte fundamental do material creativo do actor/actriz  e como tal deber ser estudiada en profundidade. A técnica vocal do actor/actriz  implica un coñecemento dos fundamentos da fonación. Este precisa  dun aparato fonador adaptable e dúctil para que sexa maleable ante as infinitas personaxes que necesitemos encarnar.

A voz do actor debe expresar o que o corpo, a mente e as emocións queren transmitir a cada personaxe. Polo tanto, o actor/ actriz necesitan conectar os pensamentos co seu corpo e a súa voz. É necesario que os pensamentos teñan unha resposta do corpo e que a voz sexa o reflexo de como se encontra ese corpo a nivel muscular, emocional, etc. (Reguant, 2003).

Unha boa técnica vocal é imprescindible para o desenvolvemento eficaz da voz, pero o obxectivo final é sempre expresar algo. Polo tanto, o actor/actriz precisa dun aparato fonador que non poña obstáculos a expresión, que a deixe fluír de dentro a fóra. Por iso é preciso a aprendizaxe dunha técnica vocal que garanta por unha banda o uso eficaz da voz ao servizo da interpretación, a través da potenciación das características vocais  e,  por outra parte, que axude a previr problemas vocais que poidan lesionar a saúde do aparato vocal. Cunha técnica de voz correcta e coa conexión mente-corpo-voz, establécense as bases para explorar os aspectos máis creativos da voz.