1º DIRECCIÓN 1º

                      A. DIRECCIÓN e DRAMATURXIA

Módulo I (2022 – outubro/decembro)

Conceptos básicos de dramaturxia e dirección

Datas e horarios:

Todos os luns, do 3 de outubro ao 12 de decembro

Horario: 18,15 – 20,15

Presentación de proxectos: 13 de decembro / 17,00 – 22,00

Módulo II e III (2023 – xaneiro/marzo)

A posta en escena

Datas e horarios:

Todos os luns, do 30 de xaneiro ao 20 de marzo

Horario presencial: 19,00 – 22,00

Prácticas

A realizar entre o 27 de marzo e o 25 de abril. A tal efecto constituiranse os grupos de traballo segundo as necesidades horarias das/os alumnas/os. As prácticas poden realizarse en quenda de mañá ou tarde, de luns a domingo (mínimo 20 horas)

Presentación de proxectos: entre o 26 e o 27 de abril

Nota: Nos módulos II e III unifícanse as aulas coas/os alumnas/os de dirección, con quen se realizarán as prácticas.

B. ESCRITA DRAMÁTICA

1,8,15 e 22 de febreiro; 1 e 8 de marzo / de 19,00 a 21,00  (2023)

IMPARTEN:    Roberto Salgueiro (dramaturxia / dirección / iluminación), Santiago Cortegoso (escrita dramática)

CONTIDOS

A. DIRECCIÓN e DRAMATURXIA

Dirixir unha posta en escena é escribir un discurso teatral mediante unha serie de ferramentas. Coñecer cales son e entender que as historias (discurso teatral) non teñen porque estar sometidas á linealidade nin á referencia empírica do mundo resulta ser o fundamento básico para construír calquera arquitectura. Porque iso é, en definitiva, unha historia: unha estrutura que só debe responder á coherencia interna do seu mundo. A diferenza da literatura dramática, a posta en escena debe estar argumentada no emprego sólido do traballo do actor así como do espazo onde se constrúe esa historia, que vén determinado pola iluminación, os obxectos físicos, o vestiario, o son … Todo o cal debe ser concibido nunha forma que lle dará o valor estético que definirá a creación teatral.

O traballo do módulo I está dirixido a tratar os conceptos básicos da creación dramatúrxica e a preparar un caderno de traballo da posta en escena dunha peza escollida.

Nos módulos II e III unifícanse as aulas coas/os alumnas/os de interpretación para asistir e comentar o traballo escénico con eles e para realizar, igualmente con eles, as prácticas.

Ao longo do curso debe asistirse a un mínimo de tres funcións teatrais de compañías profesionais, que serán analizadas nas aulas. Igualmente, visitaranse diferentes espazos teatrais para coñecer o seu funcionamento técnico.

Bibliografía básica

Brook, P.  La puerta abierta. Reflexiones sobre la actuación y el teatro, Alba Editorial, 1994

Hauser, F. e Reich, R. Notas de dirección. 130 lecciones desde la silla del director, Alba Editorial, 2017

Knébel, Maria O.  Poética de la pedagogía teatral, Siglo XXI, 1991

Sánchez, José A.  Dramaturgias de la imagen, Universidad de Castilla-La Mancha, 2014

B. ESCRITA DRAMÁTICA

Os seres humanos somos un gran espectáculo cotiá. Somos unha especie complexa no medio de interrelacións complexas, de estruturas sociais creadas por nós mesmos que logo non controlamos, senón que nos controlan e determinan os nosos comportamentos. O escritor observa e constrúe unha visión particular, unha poética, porque necesita aprehender o caos que o rodea e expresalo nun discurso e través dunha linguaxe. Non hai un método para escribir teatro. Ou o que é o mesmo: “Hai tantos métodos como escritores”. O xeito de desenvolverse na escrita vén determinado pola sensibilidade persoal para seleccionar e tratar os temas, o estilo, o xénero… Con todo, hai esquemas que nos poden axudar a ordenar as ideas e a facilitar a comprensión do proceso de creación dramatúrxica. Compartir e analizar este material a partir do traballo práctico serán os obxectivos deste obradoiro:

 

-Procesos dramatúrxicos: da planificación á escrita automática.

-A linguaxe dramática: acotacións, monólogos, diálogos e escenas colectivas.

-A escrita en acción. Como xerar textos desde enriba do escenario.

-Escrita e posta en escena. Textos abertos e pechados.

-Modelos básicos de estrutura dramática.

-Construción de personaxes (unidireccionais, poliédricos, etc.) e conflitos (horizontais, verticais, tranversais, etc.).

-A espacialidade dramática. O espazo como xerador de significado.

-A temporalidade dramática. Tempo escénico e tempo referencial. Discurso lineal vs. discurso fragmentado.

C. ILUMINACIÓN

A iluminación escénica é unha ferramenta básica de traballo, indispensable para contar unha historia ou para crear unha atmósfera.

A iluminación dun traballo escénico debe servir para comprendelo, non para velo.

A cor. O ritmo. A lectura.

A dramaturxia da luz: a luz inútil e a luz pertinente.