CALENDARIO DO PROGRAMA TEATRAL PARA O CURSO 2024 – 2025. ACTIVIDADE INICIAL: PRESENTACIÓN PROGRAMA, PROBAS DE ACCESO, MATRÍCULAS.

Xoves 19 de setembro

PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DA AULA DE TEATRO PARA O CURSO ACADÉMICO 2024 – 2025.

Hora: 20,00h

Lugar: Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida – Auditorio da Universidade)

Encontro aberto a todas as persoas interesadas na actividade teatral, desde a formación ata a produción escénica. Presentaremos o programa a desenvolver durante este curso académico e poderás preguntar e resolver calquera dúbida que teñas ao respecto do traballo a realizar: probas de acceso, matrículas, contidos, profesorado, etc.

Luns 23, martes 24 e mércores 25 de setembro

PROBAS DE ACCESO

Hora: desde as 18,00h

Lugar: Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida – Auditorio da Universidade)

Durante estes tres días podes acudir a esta convocatoria onde o que facemos é realizar unha serie de exercicios e entrevistas para coñecer o perfil das persoas que se presentan e o seu interese específico (iniciarse na arte dramática, avanzar en coñecementos, etc.) e así poder suxerirlles os espazos onde mellor poden estar: compañía de teatro, escola de teatro e/ou cursos de iniciación ao teatro.

Non precisas ter experiencia previa.

Luns 30 de setembro

Inicio da matrícula na Escola de Teatro e nos Cursos de Iniciación ao Teatro.

Unha vez confirmada a admisión nos diferentes espazos poderás formalizar a túa matrícula desde o 30 de setembro ata o 7 de outubro no enderezo electrónico area.cultura@usc.gal

Luns 7 de outubro

Inicio da actividade teatral nos diferentes espazos: Compañía de Teatro, Escola de Teatro e Cursos de Iniciación ao Teatro

ANTROPOLOXÍA DO BICO. Foto de Marcos López

DÍA 12 DE XUÑO. ÚLTIMA FUNCIÓN DE Antropoloxía do bico (a síndrome do túnel carpiano)

Este próximo mércores día 12 de xuño faremos unha última función da peza ANTROPOLOXÍA DO BICO (a síndrome do túnel carpiano) ás 21,00h na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño.

Ao longo deste curso académico presentamos este traballo en diversos lugares: Auditorio Gustavo Freire de Lugo, Teatro Principal de Pontevedra, Forum Metropolitano de A Coruña, Salón Teatro de Santiago de Compostela, Teatro Principal de Ourense e tamén no estranxeiro, onde obtivemos varios premios recoñecendo o traballo do reparto: no Festival Internacional da Universidade da Beira Interior – Portugal (Premio do Xurado ao Mellor Espectáculo) e Festival Internacional de Teatro Universitario de Lituania (Premios á Interpretación Masculina e Feminina).

Fotos de Marcos López

ESCOLA DE TEATRO DA USC

Este próximo martes 16 de abril os alumnos de 1º de Interpretación da nosa escola de teatro presentarán o seu exercicio final de trimestre, VARIACIÓNS GOLDBERG SOBRE HOMES, CANS E MATÍAS GALETTO (con doble “t” de trava, hijo de puta), en dous pases: ás 19,30h e ás 20,30h.

A presentación terá lugar na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño e a entrada é de balde.

ESTREA DA COMPAÑÍA DE TEATRO – ESCOLA DE TEATRO

O próximo martes 6 de febreiro estreamos un traballo realizado pola compañía e a Escola de Teatro da USC, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, ás 21,00h. A entrada é de balde, previo paso pola billeteira, aberta desde ás 19,00h.

ANTROPOLOXÍA DO BICO é unha reflexión sobre a imposibilidade da linguaxe, o pensamento de Maurice Blanchot e Derrida, a feira de Chantada e a alerxia ao kiwi.

A reflexión dura 40 minutos.

RECOLLIDA DE PROPOSTAS PARA PARTICIPAR NO FITU 2024

        

FITU 2024

A Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Aula de Teatro, organiza anualmente o FITU (Festival Internacional de Teatro Universitario), cita onde teñen cabida propostas de moi diferente estilo e procedencia xeográfica e que constitúe un espazo de coñecemento e intercambio de ideas que, ata o día de hoxe,acolleu traballos procedentes de Vigo, Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Murcia, Cádiz, Xaén, Madrid, Barcelona, Pamplona, Burgos, Granada, Alacante, Badaxoz, Valencia… e de países como Noruega, Lituania, Estonia, Marrocos, Porto Rico, Chile, Colombia, Francia, Bélxica, Reino Unido, Portugal, Macedonia, Rusia, Costa de Marfil, Tunisia, etc.

1. OBXECTO

Recollida de propostas para participar na XXVIII edición do seu Festival Internacional de Teatro Universitario, que terá lugar entre os días 5 e 10 de febreiro de 2024

2. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN

2.1. Poderán participar compañías procedentes de calquera espazo educativo: universidades, escolas superiores de arte dramática, aulas de teatro… Non é preciso que a proposta acuda en calidade representativa da institución; so é condición necesaria que o/s integrante/s da compañía estean matriculados nos seus centros educativos.

2.2. As compañías programadas deberán cubrir os seus gastos de traslado ata Santiago de Compostela. Os traslados internos correrán a conta da organización do festival.

2.3. A organización asumirá os gastos dos seguintes conceptos:

  a. Aloxamento e manutención das persoas integrantes das compañías (equipo técnico e artístico) ata un máximo de 10 por compañía durante un período máximo de 3 noites.

  b. No caso de compañías procedentes do estranxeiro poderá ampliarse o prazo ata un máximo de 8 noites.

2.4. Os traballos serán presentados no Salón Teatro (https://centrodramatico.xunta.gal/cdg/salonteatro/) e na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (https://auladeteatrodausc.com/sala-roberto-vidal-bolano/). Ocasionalmente, segundo as necesidades das propostas, poderán valorarse outros espazos da cidade.

3. PROPOSTAS

3.1. Poderá presentarse calquera traballo de carácter escénico con independencia do seu perfil estético: pezas de corte máis tradicional, de traballo físico, pos dramático, híbrido… Calquera proposta escénica é benvida. A duración do traballo deberá ser dun mínimo de 15 minutos, sen que exista un máximo de tempo para a proposta.

3.2. As solicitudes deberán enviarse ao enderezo electrónico roberto.salgueiro@usc.es e deberán aportar, nunha primeira fase, a seguinte información:

  1. Nome da compañía, titulo da peza, autor/creador e contacto telefónico
  2. Número total de integrantes
  3. Enlace a Youtube cunha gravación dun ensaio, función, etc. da peza proposta

Tras unha primeira avaliación, nunha segunda fase solicitarase ampliar esta información a través dun formulario.

3.3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 19 de xaneiro de 2024.

4. SELECCIÓN

4.1. Avaliarase a calidade artística da proposta, a súa viabilidade técnica e o número de integrantes da mesma (preferiblemente, propostas que non excedan os 10 integrantes)

4.2. O resultado da selección darase a coñecer ao longo do mes de xaneiro de 2024 e crearase unha lista de agarda por se algunha compañía chegase a fallar.

4.3. Cada compañía recibirá por escrito un convite oficial.

5. ACEPTACIÓN DAS NORMAS

5.1. A participación no FITU 2024 supón a plena aceptación de todas as súas bases reguladoras.