CONVOCATORIAS CURSO ACADÉMICO 2023 – 2024

Luns 18 de setembro

PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DA AULA DE TEATRO PARA O CURSO ACADÉMICO 2023 – 2024.

Hora: 20,00h

Lugar: Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida – Auditorio da Universidade)

Encontro aberto a todas as persoas interesadas na actividade teatral, desde a formación ata a produción teatral. Presentaremos o programa a desenvolver durante este curso académico e poderás preguntar e resolver calquera dúbida que teñas ao respecto do traballo a realizar: probas de acceso, matrículas, contidos, etc.

Martes 19, mércores 20 e xoves 21 de setembro

PROBAS DE ACCESO

Hora: desde as 18,00h

Lugar: Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida – Auditorio da Universidade)

Durante estes tres días podes acudir a esta convocatoria onde o que facemos é realizar unha serie de exercicios e entrevistas para coñecer o perfil das persoas que se presentan e o seu interese específico (iniciarse na arte dramática, avanzar en coñecementos, etc.) e así poder suxerirlles os espazos onde mellor poden estar: compañía de teatro, escola de teatro e/ou cursos de iniciación ao teatro.

Non precisas ter experiencia previa.

Luns 25 de setembro

Inicio da matrícula na Escola de Teatro e nos Cursos de Iniciación ao Teatro.

Unha vez confirmada a admisión nos diferentes espazos poderás formalizar a túa matrícula desde o 25 de setembro ata o 2 de outubro no enderezo electrónico area.cultura@usc.gal

Luns 2 de outubro

Inicio da actividade teatral nos diferentes espazos: Compañía de Teatro, Escola de Teatro e Cursos de Iniciación ao Teatro

PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS FINAIS DA ESCOLA DE TEATRO DA USC

No presente curso académico formáronse tres grupos de prácticas na nosa escola de teatro, integrados polas alumnas de interpretación e de dirección, que presentaron as súas propostas a partir de textos de García Lorca, Kafka e Mouawad. Tivemos que repetir función a causa do público que quedou sen entrada para o primeiro pase.

Un estupendo día de peche para unha actividade que nos reuniu durante un ano!

XIRA DA COMPAÑÍA DE TEATRO DA USC

Durante o presente curso académico tivemos a sorte de poder compartir o noso traballo, Observacións sobre a felicidade (composición e manexo), con espectadores de Lugo, Ourense, CUVI (Vigo), Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, A Coruña, Granada e Covilha (Portugal), onde o xurado deste certame nos outorgou o seu premio ao mellor espectáculo. E, fundamentalmente, compartimos o esforzo e a ilusión desta proposta cos espectadores de Santiago de Compostela en diversos espazos; no Salón Teatro e, principalmente, na nosa casa, na casa de todas as persoas que fan, se interesan e gozan do teatro na USC: a sala de teatro Roberto Vidal Bolaño. Un pequeno espazo, íntimo, onde todo o mundo é ben recibido.

Foto: Nuno Madaleno